ACTO ABERTO DE JULIO VILLAESCUSA CON TRANSPORTISTAS EN LUGO: SÁBADO 24 XANEIRO

O sábado 24 de xaneiro celebrarase en Lugo unha xornada aberta de reflexión, debate e coloquio con Julio Villaescusa, Presidente de Fenadismer, dirixida a transportistas e profesionais do sector do transporte en xeral, baixo o título de “Propostas para combater a precariedade actual do transporte, contra o dumping social e económico, a deslocalización, a morosidade e a competencia desleal“.

Un título moi amplo que relaciona ben ás claras os problemas que padece o sector na actualidade e as ameazas ás que se está a enfrontar xa, pero que mesmo se poden agudizar nos vindeiros anos se desde os distintos estamentos gubernamentais non se protexe ao noso tecido empresarial, particularmente aos pequenos e medianos transportistas, como cómpre facer.

Neste contexto, os transportistas lucenses e de demais puntos de Galicia terán a oportunidade de conversar con Julio Villaescusa, quen ofrecerá a súa visión do estado de situación de todas estas cuestións e debullaranos as actuacións xa en marcha e futuras que ten previsto desenvolver Fenadismer, tanto a nível estatal como europeo. Hai que salientar que Villaescusa é tamén desde novembro de 2014 Presidente da UETR (Asociación Europea de Transportistas por Estrada).

O acto terá lugar na nova sede de APETAMCOR no Polígono de O Ceao, sita no novo Centro de Formación en Transporte (Rúa das Cesteiras, parc. 9.3) a partir das 17:00 horas.

Para ampliar información sobre esta xornada pódese contactar directamente con APETAMCOR-Lugo no tlf. 988256109 ou ben no correo-e lugo@apetamcor.com.