APETAMCOR CONVOCA ASEMBLEA ABERTA A TRANSPORTISTAS: SANTIAGO, 20-FEBREIRO

O sábado 20 de febreiro de 2016 celebrarase unha Asemblea Informativa aberta a todos os transportistas que desexen asistir e na que se abordarán os seguintes temas de máxima actualidade no sector do transporte de mercadorías:

  • Dumping, competencia lesleal e intrusismo.
  • Reclamación de devolución do exceso de cotizacións á Seguridade Social.
  • Devolución do céntimo sanitario: proceso de responsabilidade patrimonial do Estado.
  • Descontos previstos en 2016 para camións nas peaxes.
  • Futuro dos módulos.
  • Normativa de masas e dimensións dos vehículos: os megacamións.

O acto terá lugar a partir das 5 da tarde no local de APETAMCOR na capital de Galicia sito en Costa de San Marcos nº 3, e ten por obxecto informar ao sector das iniciativas nas que está a traballar a asociación nos ámbitos que se citaron anteriormente e mais recoller todas aquelas propostas dos transportistas que sexan de interese. Tomarán parte como ponentes Alberto Vila, Coordinador Xeral, e mais Sonia Gil, asesora xurídica da asociación, e poderán asistir todos aqueles profesionais do sector que o desexen.

A quen lle resulte imposible asistir a esta xornada sempre pode facelo á que se celebrará o sábado da semana seguinte (día 27) ás 17:00 h. na sede de APETAMCOR no Polígono da Granxa do Porriño, no que se abordarán os mesmos temas e contarán coa presenza dos mesmos ponentes.

O ano 2015 que vén de rematar tendo sido un ano moi duro e de moitos cambios para o sector, onde desde a asociación combatemos en distintos frentes as ameazas máis duras ás que se están a enfrontar os nosos transportistas, fundamentalmente a grave competencia desleal e o intrusismo que está a poñer en serio risco a existencia futura de autónomos e pemes transportistas radicadas en Galicia, que está a facer imposible nun escenario de incremento do volume de mercadorías transportadas calquera suba nas tarifas polos servizos de transporte. Neste contexto, o 2016 preséntase como un ano tamén de moita dificultade pero no que o sector debe facer valer as súas cartas para defender o que en xustiza lle pertence.