Apetamcor distribúe cartas de porte válidas como documento de control

A raíz da problemática e dúbidas que está a ocasionar nos transportistas a Orde FOM/2861/2012, de 13 de decembro, pola que se regula o documento de control para o transporte de mercadorías por estrada que entrou en vigor o pasado 5 de xullo de 2013, APETAMCOR vén de elaborar un novo modelo de carta de porte válido como documento de control ao amparo da cita Orde, en formato de formulario pdf auto-modificable, que podes descargar directamente nesta web de APETAMCOR (na sección de “Documentos de interese” da páxina de inicio), para unha utilización máis fácil, rápida e manexable por parte dos transportistas.

O obxectivo deste novo modelo de carta de porte válido como documento de control é facilitar o traballo aos transportistas, recolléndose nun mesmo impreso todos os datos que son obrigatorios a efectos de documento de control segundo a referida Orde FOM/2861/2012 (delimitados explicitamente na parte superior do mesmo), e a seguir os datos que son precisos para a carta de porte (expresión escrita do contrato de transporte).

Ademais, os transportistas interesados en dispoñer deste modelo de “CARTA DE PORTE – DOCUMENTO DE CONTROL” en talonarios de 4 copias autocalcantes, a semellanza dos CMR, poden recollelos directamente en calquera das tres sedes da asociación (Ourense, Santiago ou O Porriño).

Por outra banda, aqueles transportistas que desexen personalizar este modelo co seu logotipo de empresa, poden solicitalo igualmente na asociación.