APETAMCOR non descarta mobilizacións do sector do transporte de mercadorías como consecuencia da abusiva carga impositiva que está a sofrir o sector

A Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galícia, APETAMCOR, valora moi negativamente as medidas adoptadas polo Goberno en relación á desaparición do Gasóleo Profesional, e o aumento do prezo das peaxes en Galicia, no resto de España e mais en Portugal, tendo en conta ademais que o sector do transporte de mercadorias tendo sido o grande olvidado polos diferentes gobernos, a pesar de contribuír máis que ninguén ás arcas públicas vía impostos.

Gasóleo Profesional

Coa entrada do ano novo, a partir deste 1 de xaneiro de 2012, aumentou a carga impositiva que sofre o sector coa abolición na práctica do Gasóleo Profesional, xa que se reduce a 2,8 céntimos de euro por cada litro a devolución que vía Facenda se lle efectuaba de forma trimestral aos transportistas. Así, o Goberno cumpre cos requirimentos que recolle a Directiva Europea 2003/96 relativa á fiscalidade sobre os produtos enerxéticos que obrigaba ao Estado español a subir para este ano a fiscalidade do transporte por estrada nesa cantidade.

Por tanto, o Estado recadará directamente do sector do transporte en España uns 250 millóns euros máis cada ano. Tendo en conta que Galicia representa o 7% do total de transporte estatal, a aportación dos transportistas galegos será duns 17,5 millóns de euros. A modo de exemplo, e para que se vexa a gravidade desta medida para o sector, este medida supón para un vehículo trailer de ruta un sobrecusto adicional anual de 1.500 euros por vehículo.

Equipárase así a carga impositiva que soporta o transporte público en comparación co vehículo privado. Por tanto, desde APETAMCOR entendemos que esta medida é absolutamente discriminatoria, xa pola contra mantense a exención total de fiscalidade nos carburantes consumidos por outros sectores profesionais (agricultura, pesca, minería) e inclusive por outros sectores competidores do transporte por estrada, como son os transportes ferroviarios, marítimo e aéreo, que pagan 0 euros de impostos polo carburante.

Peaxes

A peaxe das autoestradas dependentes da Administración Xeral do Estado subiu a 1 de xaneiro unha media do 3,2%, o que supón o maior incremento desde 2009. En concreto, o aumento do prezo das vías de peaxe para este ano será superior á inflación (2,9% interanual a fins de novembro) e máis do dobre respecto da subida do 1,44% aplicada en 2011. Ademais, a esta actualización será preciso sumar os incrementos adicionais que o Goberno autorizou aplicar a determinadas concesionarias como parte das medidas que acordou ante o risco de quebra que presentan.

Igualmente, no caso das autoestradas dependentes da Administración Autonómica aplicouse a partir do pasado domingo unha suba media dun 3,2% a todas as autoestradas da súa titulariedade.

Máis grave aínda é o caso de Portugal, xa que os transportistas galegos que no seu traballo teñen que desprazarse a Portugal deberán soportar a suba do 4,36% aprobada polo goberno luso para este ano 2012.

Mobilizacións do sector de transporte de mercadorías.

Neste escenario, APETAMCOR quere poñer de manifesto a súa extrema preocupación diante da situación límite que está a vivir o sector, inmerso ademais nunha crise económica que imposibilita repercutir nas tarifas polo servizo do transporte que se cobran aos clientes este continuo incremento nos custos da actividade que pon en serio risco a súa supervivencia como tal, e que por tanto leva a unha encrucillada na que non se descartan mobilizacións ou accións de protesta nas vindeiras semanas.

Neste sentido, hai que ter en conta o malestar crecente nos profesionais do sector como consecuencia do aumento continuado dos custos de explotación da actividade de transporte durante estes xa longos catro anos de crise aconómica (por exemplo, o gasóleo incrementouse durante o 2011 un 12%), á par do desleixo das diferentes Administracións, que historicamente teñen deixado de lado a un sector como este, tan importante e determinante para a economía dun país.