Quen somos

A Asociación Empresarial de Mercadorías por Estrada de Galicia APETAMCOR é a organización profesional representativa en Galicia das pequenas e medianas empresas e autónomos do sector do transporte de mercadorías por estrada, que conta na actualidade con 3 sedes permanentes en Galicia: Ourense (servizos centrais), Santiago de Compostela e O Porriño.

Fundada en 1978 como Asociación Provincial de Empresas de Transporte Autónoma de Ourense como asociación de ámbito provincial, refúndase en 1989 como Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada adquirindo estatutariamente ámbito galego. Así, os Estatutos sociais vixentes establecen que a asociación non persegue fins especulativos nin lucrativos e é totalmente independente das Administracións Públicas, sindicatos e partidos políticos. Así mesmo, defínense como fins da asociación a representación, xestión, defensa e coordinación dos intereses comúns dos seus membros, sinalándose como fundamentais:

    • A defensa dos intereses profesionais dos seus asociados, representando aos asociados ante a Administración fronte a decisións, proxectos de leis ou medidas de diversa índole que poidan afectar á actividade común, colaborando coa mesma a través das entidades de ámbito superior en que se integre e polos distintos procedementospostos á súa disposición polas leis vixentes.
    • A defensa da libre empresa como factor básico da economía, entendida como a conxunción dos factores económicos e sociais que a integran.
    • A representación dos seus membros nas negociacións de convenios colectivos, folgas, peches patronais e cantas actuacións ante os organismos da Administración isto traia consigo.
    • A organización de actividades de carácter formativo, técnico e comercial, para o mellor desenvolvemento dos seus fins.
    • O establecemento de servizos de asesoramento e información xurídico e económico-financieiro en materias específicas.
    • Promover a igualdade de xénero coa implementación de medidas que favorezan na incorporación efectiva da muller ao sector; a conciliación da vida laboral e familiar; a integración dos segmentos sociais máis desfavorecidos; a defensa, respecto e protección do medio ambiente; a promoción e desenvolvemento da prevención de riscos laborais nas empresas; a implantación de sistemas de xestión da calidade e medioambientais. En definitiva, promocionar a responsabilidade social empresarial entre os seus membros.
    • Desenvolver iniciativas orientadas á incorporación efectiva dos seus membros e do sector do transporte en xeral á sociedade da información e ás novas tecnoloxías da comunicación.

Distribuídos nas 3 sedes, Apetamcor conta cun cadro de persoal composto por 18 profesionais distribuídos polos diferentes departamentos e áreas técnicas da organización:

    • Asesoría Xurídica especializada en transporte.
    • Asesoría Fiscal e Laboral especializada en transporte.
    • Área de Formación.
    • Servizo de Prevención Mancomunado de Riscos Laborais.
    • Área de Innovación, Novas Tecnoloxías e Tacógrafo Dixital.
    • Servizo de Xestións Administrativas: Tráfico, Mobilidade, etc.
    • Cooperativa de subministros: gasóleo, seguros, peaxes, etc.
    • Servizo de orientación laboral e promoción do emprego.