PLATAFORMA GALEGA DE TRANSPORTISTAS AFECTADOS POLO PECHE DE TRANSPORTES MARTÍNEZ SOUTO

 

    • APETAMCOR constitúe a Plataforma Galega de Transportistas Afectados polo Peche de TRANSPORTES MARTÍNEZ SOUTO co obxecto de canalizar colectivamente as reclamacións extraxudiciais e xudiciais do elevado número de transportistas acredores desta empresa.
    • O sábado 24 de febreiro ás 12:00h. celebrarase en APETAMCOR-O Porriño unha Asemblea Informativa dirixida aos transportistas afectados.

Como é sabido, MARTÍNEZ SOUTO era un importante operador loxístico con sede social no Alto de Puxeiros (término municipal de Mos), que prestaba os seus servizos en sectores tan relevantes como a automoción ou a carga fraccionada (paquetería), cuxo cesamento na prestación de servizos, que tivo lugar o pasado venres día 16 de febreiro, deixa un elevadísimo número de transportistas subcontratados como acredores, tanto galegos como doutras CC.AA., cun saldo acredor con esta empresa que se estima poida superar amplamente a cifra dos 25 millóns de euros.

Se ben MARTÍNEZ SOUTO ata agora simplemente cesou na súa actividade ordinaria, é moi previsible que en próximas datas poida entrar en situación concursal, o que obrigaría aos transportistas acredores desta empresa a personárense no citado concurso de igual xeito có resto de acredores.

Sen menoscabo do anterior, o Dpto. Xurídico de APETAMCOR, que xa está a asesorar a todos os afectados que se poñen en contacto con nós, está a explorar todas as posibles vías que se abren para os transportistas acredores, conforme á súa situación e os servizos de transporte que se prestaban a esta empresa, co obxecto de interpoñer no ámbito que sexa (xudicial ou extraxudicialmente, acción directa, etc.) as reclamacións necesarias. Por conseguinte, a nosa recomendación aos afectados é:

1º) Recopilar a documentación probatoria do crédito con esa empresa (facturas non abonadas, pagarés devoltos ou aínda non vencidos e albaráns, cartas de porte ou documentos de control dos portes non cobrados), remitíndonos dita documentación escaneada por correo electrónico a juridico@apetamcor.com.

2º) Para esclarecer calquera dúbida, achegar máis información relevante deste proceso ou ben explicar máis detalladamente a súa situación concreta e recibir o asesoramento directo de como proceder, poñerse en contacto telefónico co noso equipo xurídico a través dos teléfonos das nosas organizacións territoriais.

Asemblea Informativa Aberta Transportistas Afectados

Dada a complexidade da situación actual e a multitude de chamadas que estamos a recibir, APETAMCOR acordou celebrar este sábado 24 de febreiro ás 12:00h. unha Asemblea Informativa aberta dirixida aos transportistas afectados, que terá lugar na sede da asociación no Polígono da Granxa do Porriño, e que terá por obxecto ofrecer e compartir toda a información relevante deste proceso e informar aos afectados das posibles alternativas que dispoñen para o cobro das súas facturas non cobradas polos servizos de transporte prestados a este operador.