Hoxe presentouse en Ourense o I Foro da Loxística e o Transporte de Galicia que terá lugar o vindeiro sábado 1 de decembro en Santiago de Compostela, nun acto ante os medios de comunicación no que estiveron presentes Alberto Vila, Xerente de APETAMCOR, e Aníbal Blanco, Presidente do Clúster da Loxística e o Transporte de Galicia.
A continuación, reproducimos a información recollida en Telemiño:
Este evento, promovido e organizado polo Clúster da Loxística e o Transporte de Galicia, nace coa firme vontade de se converter no punto de encontro máis destacado dos distintos axentes que operan no ámbito da loxística e o transporte de Galicia: empresas do sector (transportistas, loxísticos, consignatarios), xestores de infraestruturas, Administración, etc.
Neste sentido, coa participación de destacados ponentes, celebraranse as seguintes mesas redondas:
- A Intermodalidade. As autopistas do mar como xeradoras de competitividade.
- A loxística e o transporte tras a crise. Que servizos demandarán no futuro os grandes distribuidores.
- O futuro do transporte. Novas formas e novos medios.
- As centrales de compra no sector do transporte. Creación no seo do Clúster e rendabilidade para as empresas.
Ademais, no propio Foro habilitarase unha zona de Meeting Point destinada a que empresas do sector poidan entrar en contacto con posibles empresas colaboradoras, clientes, provedores, Administración, etc.
Para ampliar información, pódese consultar a web do Clúster en www.clusterlogistica.es. En caso de estar interesado/a en asistir, por favor envíanos un correo electrónico confirmando asistencia a xerencia@apetamcor.com ou ben directamente a gerencia@clusterlogistica.es.
APETAMCOR forma parte do Consello Consultivo do Clúster.