PROBAS XESTOR TRANSPORTE 2013: PRAZO INSTANCIAS ATA 28-FEBREIRO

Hoxe 11 de febreiro publicouse no DOG a Resolución pola que se convocan as probas de constatación profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, coñecido comunmente como título de “Capacitación de Transportista”.

A Resolución fixa un prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG para a tramitación das instancias que dan dereito a participar na primeira convocatoria de 2013 destas probas, por tanto, a data límite é o 28 de febreiro. Tamén se indica na Resolución do DOG que as probas se celebrarán entre o 27 de abril e o 2 de xuño, se ben apuntamos que con toda probabilidade se ubicarán no último fin de semana de maio ou primeiro de xuño (queda pendente a publicación da convocatoria co día en concreto, hora e lugar de celebración).

Aos/ás interesados en tramitar a través de Apetamcor a instancia que dá dereito a participar nesta primeira convocatoria de 2013, rogámoslles se poñan en contacto coa asociación antes da data límite do 28 de febreiro. A través de Rexistro da Xunta, ou por calquera outro medio dos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións pú­blicas e do procedemento administrativo común, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Impreso de solicitude debidamente cuberto, segundo modelo normalizado (anexo I da Resolución), disponible en formato dixital na web da Xunta de Galicia.

b) Fotocopia compulsada do DNI en vigor, no caso de que non preste a autorización para facer a consulta telemática de acordo co disposto nas bases (punto 6). No caso de que o documento non estea en vigor, deberá presentar un xustificante acreditativo da soli­citude de renovación.

c) Impreso de taxa de autoliquidación correspondente á Administración (importe da taxa: 21,40 €).

d) Nos casos nos que, consonte coa base segunda desta resolución, o domicilio que apareza no DNI non estea situado en Galicia, deberase achegar a seguinte documentación, segundo corresponda:

  • Certificado actualizado de empadroamento, no cal se acredite que o aspirante tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios. Para estes efectos, o certificado deberá especificar a data na que o solicitante foi dado de alta no padrón municipal.
  • Cando non se estea no suposto anterior, xunto co certificado actualizado de empa­droamento achegarase a documentación que acredite que se viu obrigado a cambiar de residencia por razóns familiares ou profesionais; así, por exemplo, achegarase certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo.

 

A Resolución do DOG tamén establece que a segunda convocatoria de probas de “Xestor de Transporte” para este ano 2013 terá lugar entre o 19 de outubro e o 24 de novembro deste ano, para o cal será necesario tramitar as instancias entre o 31 de xullo e 19 de agosto.