Reclama a través de Apetamcor a Responsabilidade Patrimonial do Estado para a devolución do Céntimo Sanitario dos exercicios fiscais prescritos

Xa é posible tramitar a través de APETAMCOR a reclamación da Responsabilidade Patrimonial do Estado para a devolución do imposto Céntimo Sanitario declarado ilegal, correspondente ás facturas de carburante prescritas fiscalmente. Por este procedemento pódense reclamar todos os anos de vixencia do imposto, isto é, desde o seu inicio en 2002 ata 2012, pero loxicamente non poderá reclamarse o importe correspondente aos períodos que se tiveran reclamado pola vía de devolución de ingresos indebidos ante a Axencia Tributaria e que non fose desestimado en vía administrativa ou xudicial.

A diferenza do procedemento por solicitude de devolución de ingresos indebidos no que a Axencia Tributaria deberá devolver o importe reclamado limitándose a comprobar que as facturas aportadas acreditativas do imposto soportado están correctas, no procedemento por responsabilidade patrimonial o reclamante ten que acreditar que a existencia de dito imposto declarado ilegal lle ocasionou un dano real, isto é, que tivo que soportar dito custo, polo que é necesario acreditar que se efectuou o pagamento das facturas. Se ben non é un procedemento tan fiable no que se poida garantir o éxito, xuridicamente existen fundadas posibilidades de gañar.

En primeiro lugar presentarase a reclamación ante o Consello de Ministros, quen case con toda seguridade o desestimará, e a continuación presentarase recurso directamente ante o Tribunal Supremo. Por conseguinte, o reclamante terá que soportar os custos xudiciais derivados (incluído procurador e taxas xudiciais).

O prazo para a presentación desta reclamación é de 1 ano desde que o Tribunal de Xustiza da UE ditou a súa Sentenza, isto é, a data límite sería o 27 de febreiro de 2015. Sen embargo, dado que en APETAMCOR teremos que acometer un importante traballo de preparación da documentación necesaria de cada transportista reclamante (procesamento de facturas de carburante e xustificantes de pagamento, escaneado e desglose de consumos clasificados por Comunidades Autónomas e anos) para logo remitir ao despacho EY para proceder á presentación de dita reclamación, acordamos establecer como data límite o luns 22 de decembro para que aqueles transportistas que desexen formular dita reclamación nos acheguen á asociación a documentación necesaria.

Podes descargar toda a información completa que ofrece a PLATAFORMA GALEGA POLA DEVOLUCIÓN DO CÉNTIMO SANITARIO AO TRANSPORTE da que APETAMCOR forma parte (facer click aquí).