XORNADAS FORMATIVAS “ESTIBA DA CARGA”: LUGO, SANTIAGO, OURENSE E O PORRIÑO, 12-19 MAIO

Os sábados 12 e 19 de maio celebraranse nas sedes de APETAMCOR en Lugo, Santiago, Ourense e O Porriño xornadas formativas dirixidas a profesionais do sector do transporte (transportistas, xefes de tráfico, condutores profesionais, etc.) co obxecto formar cos coñecementos básicos esixibles aos profesionais do sector para cumprir de modo solvente coa nova normativa en materia de estiba e suxeición das mercadorías que entrará en vigor en España o vindeiro 20 de maio ao amparo do Real Decreto 563/2017, cuxo obxecto é traspoñer ao marco xurídico español a Directiva 2014/47/UE que harmoniza a nivel europeo a normativa en materia de amarre das mercadorías.

Como novidade, este Real Decreto establece que, durante unha inspección en estrada, poderase someter ao vehículo a inspección da carga, a fin de comprobar que esta está suxeita de xeito que non interfira coa condución segura, nin supoña un risco para a vida, a saúde, a propiedade ou o medio ambiente. E, se do resultado da inspección da suxeición da carga se detectaran deficiencias, estas poderán dar lugar a sancións de entre 200 e 500 euros, ou inclusive os axentes poderían decretar a inmobilización do vehículo.

A disposición segura da carga e as esixencias relativas á estiba e a suxeición recóllense nunha serie de normas ISO e EN, sendo as máis relevantes:

  • EN 12195-1 – Cálculo das tensións de suxeición.
  • EN 12195-2 – Correas de fibras sintéticas.
  • EN 12195-3 – Cadeas de fixación.
  • EN 12195-4 – Cables de fixación de aceiro.
  • EN 12640 – Puntos de suxeición.
  • EN 12641 – Lonas.
  • EN 12642 – Resistencia da estrutura da carrocería do vehículo.
  • EN 283 e 284 – Caixas móbiles
  • ISO 1161 e ISO1496 – Contedores ISO.

Nestas xornadas formativas abordaranse os aspectos básicos tanto xurídicos como técnicos recollidos nestas normas co obxecto de que transportistas, xefes de tráfico e mesmamente condutores adquiran os coñecementos básicos necesarios para cumprir coas esixencias fundamentais en materia de estiba e suxeición da carga.

 

CALENDARIO DE XORNADAS

  • LUGO: Sábado 12-Maio ás 9:00h.
  • SANTIAGO: Sábado 12-Maio ás 16:00h.
  • OURENSE: Sábado 19-Maio ás 9:00h.
  • O PORRIÑO: Sábado 19-Maio ás 16:00h.

 

INSCRICIÓN OBRIGATORIA

A asistencia a estas xornadas é gratuíta, pero dado que o nº de prazas é limitado, faise necesaria a inscrición previa. A tal efecto, esta pode formalizarse no teléfono da oficina correspondente de APETAMCOR (teléfono que pode consultar nesta web) ou ben por correo electrónico en formacion@apetamcor.com.